Sunday 19 de May de 2024

Novas melloras para o cemiterio municipal do Piñeiro


Fiestras e porta de aluminio na capela, puntos de luz de sistema LED, labores de pintado ou a instalación dunha pía de auga son algunhas das intervencións feitas tras un investimento de máis de 6.000 euros

O Concello de Ordes vén de acometer unha serie de melloras no cemiterio do Piñeiro, cun investimento total que supera os 6.000 €.

A maiores dos labores de pintado tanto no exterior de todo o recinto como na mesma capela situada no interior, a día de hoxe esta xa conta con porta e fiestras novas realizadas en carpintería de aluminio. Ademais, tamén se procedeu coa mellora de varios puntos de iluminación con sistemas LED e coa instalación dun novo cadro eléctrico e dun contador de auga. Na mesma zona de entrada instalouse unha pía de auga con acabados en granito, así coma un moble novo para almacenar utensilios de limpeza.

Esta intervención súmase ao investimento de preto de 61.500 € levado a cabo no cemiterio do municipal do Piñeiro nos últimos dous anos, cantidade aboada con parte do remanente de 2017. Unhas obras de humanización executadas en dúas fases e que remataron a comezos do presente ano. Estas supuxeron a pavimentación de máis de 1.000 metros cadrados de superficie con formigón, a colocación de lousado de granito e de bordos de formigón prefabricado, ademais da instalación do sistema de recollida de pluviais.